top of page

The Lorchas. Carnaval Endémico.



As feiras da Alameda foron todo un referente na nosa educación sentimental compostelá. Cando chegan as festas da Ascensión ou do Apóstolo, a pesares da miña misantropía ‘tombstoniana’, camúflome entre o xentío e miro para as atraccións desconectando a miña mente naquel barullo. Este ano, facendo este exercicio, lembrei unha vella atracción situada no Paseo dos Leóns, desaparecida hai moitos anos, na que se expoñían criaturas extraordinarias, verdadeiros freaks da natureza. Cando te aproximabas, uns altofalantes alternaban unha música misteriosa con narracións curtas que rabuñaban a túa curiosidade, un morbo incontrolable que che obrigaba a comprar a entrada e atravesar aquela misteriosa porta cara o enigma. Alí puidemos ver ao home máis pequeno do mundo (un individuo con bigote que tiña un corpo de menos 20 centímetros de altura, que era exposto coas mans atadas a unha barra situada sobre el), unha señora cunha barba estilo Billy Gibbons e cun nariz de tres buratos. Oh! Meu Deus!, aquela criatura da que sempre me falaba o meu colega Marcos Sande: o “Home de Guatemala”.


Este era un ser aberrante, estraño e grimoso, un individuo do inframundo (tamén con bigote) que polo visto foi o supervivente dunha especie endémica atopada cerca das guatemaltecas ruínas de Tikal. A súa particularidade era que os seus brazos non remataban en mans, senón nunha especie de follas de bacallau resecas. Deste xeito, cando o recinto da atracción se enchía de xente, este comezaba a axitar os brazos e a botar uns berros aterradores, tan monstruosos que parecía que todos os mortos de Boisaca, da Catedral e do cemiterio de Conxo foran saír das súas tumbas para reconquistar Santiago. De acordo con esta historia, uns días despois, uns rapaces de San Lázaro atoparon a este home fóra da atracción, xa sen o seu disfrace, totalmente ebrio, nun dos bares do entón “populoso” barrio do Pombal, agatuñando polo chan, berrando coma un tolo e dando un espectáculo lamentable. “Dábao todo fóra do escenario”, confesoume anos máis tarde unha testemuña dese suceso. E que quería dicir con todo isto... Ah! Si! Que hoxe imos falar dun dos máis arrepiantes endemismos do rock compostelán, The Lorchas.


Parecido ao que facía aquel señor do anuncio de café, como todas sabedes, levo moito tempo na busca incansable de criaturas insólitas do orbe compostelán, de seres que me impacten e me fagan sentir a emoción xuvenil que sentín cando escoitei rock and roll por vez primeira. E The Lorchas son deses cos que me pasa co rock algo parecido ó que lle pasaba á rapaza de “Like a Virgin” cos órganos masculinos (de acordo coa explicación do señor Marrón de Reservoir Dogs). Deixémonos de caralladas! O do rock é unha parvada, a máxima expresión do cretinismo humano producida nun mundo ferozmente capitalista e autodestrutivo. Si, é certo, é unha aberración sonora; pero o rock, cando está ben cociñado, con toda a necidade ben condimentada, no seu punto de sabor xusto, é unha pasada, o mellor! E isto mesmo é o que pasa con esta banda de composteláns endémicos.


“Ad triangulum” é un método de construción propio do gótico baseado en formar a sección dun edificio inscrita nun triángulo. The Lorchas non eran nada góticos pero a súa música nacía do inestable baricentro dun insólito triángulo equilátero que se mantivo unido entre os anos 2003 e 2009, ata implosionar nas profundidades dos seus egos. Un dos ángulos era Jacobo, batería e técnico de son formado en Chicago, que no ano 2003 montou un pequeno estudio de gravación no baixo do número 38 da rúa Arcai de Bembibre, coñecido como Estudios Kratakoa. Os outros dous ángulos foron Xaime Pombo á guitarra e JST ao baixo e ás voces, náufragos dos Fulsomes. Ademais, para restarlle máis estabilidade ao triángulo contaron coa colaboración de Dani Blanco (excompañeiro de Jacobo nos Dirty Barriguitas) como técnico e incluso, en aspectos de produción dalgunha das cancións.



Sabendo que non lle ían interesar a ninguén, a súa mentalidade DIY, fixo que se pecharan no seu estudio a facer cancións (en inglés do Val do Dubra) e despreocupándose por bagatelas, como tocar en directo, facer videoclips ou practicar o sexo oral en habitacións escuras con promotores musicais picheleiros. Ademais a súa aparición coincide coa implantación masiva do ADSL e a fibra óptica no estado español. Deste xeito, lonxe de buscar unha discográfica-nodriza, confiaron toda a súa produción e distribución a un Myspace no que colgaban fotos, cancións e mesmo un foro de opinións no que, primordialmente, eles mesmos publicaban sandeces de “hater” con pseudónimos hilarantes. A súa historia de colegas lémbrame ás desventuras dos irmáns mal avidos de Viaxe a Darjeeling (Wes Anderson, 2007). A mellor crítica que escoitei algunha vez deles, foi que molaban moito porque, ao igual que o noso Home de Guatemala, “dábano todo fóra do escenario”.


A súa música arrinca da idade caótica do rock, triangulando as contraposicións primaverais dos Pixies cunha sutil influencia de Morphine e da mordacidade de Pavement; e cun ectoplasma de gravidade post-punk que rodea o son (quizais intencionadamente) agreste das súas cancións, un cancioneiro cheo de temas nunca publicados, nos que reina o caos de ideas, a vitalidade enfermiza, a tristura, a parodia ou o surrealismo máis bruto. Penso e reflexiono “Inside and out”, canción inédita que acabo de coñecer, que comeza cun verso inicial cantado ao estilo de Calvin Johnson: “Existe a vida antes da morte?”.


Decidín escribir isto despois de pasar toda a tarde escoitando a súa canción “Eurotunel” en bucle, sen parar de beber coñac,  ata que chegadas ás dez da noite estiven a piques de tirar pola fiestra o meu portátil e de mandar unha mensaxe masiva aos meus contactos dicindo que se esqueceran de min para sempre. O rock faime moito mal!


Fotografías: Dani Blanco.


Comentarios


bottom of page