top of page

Sr. Salvaje: Miss Fortuna! A canción do verán 2021!

E por fin chegou o verán! Andamos cos xeonllos untados de Mercromina, o cu branco de non petarlle o sol, o helicóptero de Tulipán por riba das nosas gorras! Mercamos unha cesta en Abastos e imos coller amoras nas silveiras para que Mamá faga marmelada! Mamá prepara unha tortilla e uns bistés rebozados e Papá unha ensalada rusa, a máis rica que probei na miña vida. E ímolos xantar ao pinar de Cabío, onde te atopas aos seareiros de Selección Española, perseguindo a Tomás Reñones para que lles asine un autógrafo no balón de Nivea. Imos no bus da excursión do catecismo co radio casete a toda mecha escoitando Siniestro, Ilegales, Loquillo & Sabino e Gabinete. Pillamos unha pedaleta para xogar no mar, o frotador de patiño e ala! A nadar! E de súpeto! O Mera desaparece e a rapazada a buscalo. Cando por fin aparece, co tetra brik baixo o brazo (O viño ben conmijo!), desaparece Willy, e o bus quere arrancar sen el. Mamá cabréase e todos nos rebotamos! Historias daquel verán, cando eras un rapaz, escoitabas a radio e chamabas para votar pola canción do verán…


E agora, trinta e pico anos máis tarde, volve a canción do verán! Si! Para min ‘Miss Fortuna’, o novo sinxelo de Sr. Salvaje, lémbrame a iso… Unha canción que che entra á primeira de cambio! Si! É desas! Das que che entra á primeira, e non ten nada que ver coas amizades perigosas. Ou si?! Sen dúbida, unha gran composición do Sr. Vistoso! A primeira vez que o escoitei cantar, sabía que este rapaz ía voar alto, moi alto! E dáme que así vai ser! Pero deixémonos de historias e vaiamos ao gran!

No verán de 2019 nacía Sr. Salvaje. Banda formada por tres músicos de probada experiencia e cunha gran bagaxe, dentro da escena galega do rock & roll. Guillermo Vistoso (guitarra e voz), Antón Torroncho (baixo e voz) e o batería mexicano Emilio Iniesta, afincado en Galicia desde hai máis de quince anos.


Tras editar un E.P. no 2020, que xa prometía, este verán chega o primeiro adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. Falamos de ‘Miss Fortuna’, unha canción coa sorte como tema principal, que se acaba de converter no primeiro Single dun novo disco (xa dispoñible nas plataformas musicais), que irá vendo a luz ao longo do próximo ano, en formato dixital, para acabar culminando no primeiro LP da banda, en formato físico. E como non podía ser doutro xeito, vén acompañado dun caralludo VideoClip, dirixido, gravado e editado por Tamboura Films e Pixelecer, baixo a dirección artística de Olalla Tesouro. A canción foi maxistralmente gravada, mesturada e masterizada por Iago Pico en Pouland Recording Studios, e estou seguro de que este será o primeiro de outros moitos grandes éxitos.


Levo anos xogando á La Primitiva e continúo aquí, cos petos baleiros! Pero ben se sabe que o que non aposta non gaña! E Guille soubo apostar! Espero que o Sr. Salvaje e os seus secuaces, teñan máis sorte e esta vida lles depare un futuro prometedor. Merecido o teñen! Próximo bolo: 5 de agosto no Ciclo Sons da Vila (A Pobra do Caramiñal). Se o bicho nolo permite! Moita merda! Ides suar! Así que, levade Fa! Frescor Salvaje!

Comments


bottom of page