Soylent Green Project: Provisión verde ignífuga progresiva apta para humanos do subchan
Falan as malas linguas que en anteriores entregas de #666RPM, escaldei con aceite fervendo a diversos colectivos musicais da cidade. Pois si! É certo! E que continúe propagándose o refrán de ciencia ficción! Iso significa que alguén le esta satánica sección. Por fin os discos reproducidos a 666 rpm comezan a dar os seus pequenos froitos. Moitísimas grazas a tódolos telespectadores que se atopen en liña neste momento! Continúen poñéndome verde! César! Pero non podemos poñer iso! Pois daquela, poñédeme unha de pementos de Padrón! Uns se pican e outros non! Ah! Iso si podemos poñelo! Graciñas mil pola reportaxe! Ha, ha, ha…
E precisamente, falando de verde que te quiero verde (Valga a Pontecesurada), de verde se visten os alieníxenas que ocupan o espazo sideral de hoxe…
En xullo de 2017 Pablo Veiga (batería) e Jano Calvo (baixo), integrantes da banda de jazz rock JAp4, organizan un ensaio informal co guitarrista Óscar Insua “Jumpin”. Nese encontro musical nace unha boa conexión entre os tres e deciden repetir ensaios. E así nace Soylent Green Project, primeiro dende o trato persoal e a amizade entre Pablo e Óscar e despois, dende o entendemento e cultura musical dos tres. Varios factores determinan a esencia da banda, entre eles o estilo interpretativo de cada un dos músicos, as influencias que cada un ten en estilos como o rock, progresivo, fusión ou metal e a conexión de todo coa temática da ciencia ficción, especialmente co filme “Soylent Green” baseado na novela “Make Room! Make Room!”. Despois dun longo currele de ensaios e composición, chegan a contar cun bo repertorio de temas que perfilan a filosofía musical da banda e lles permite realizar un directo instrumental solvente, enérxico, creativo e divertido, e a finais de 2018 deciden gravar ao vivo 6 deses temas, que en marzo de 2019 plasman nun E.P. baixo o nome de “Music For Brontosaurus”. En 2022 gravan nos Laboratorios Soyuz co Hevi o que será o seu segundo traballo “Base SGP-II”, masterizado por Iago Pico nos Pouland Studios.
Soylent Green Project propón unha experiencia musical en directo, que vai levando ao público por diferentes planos imaxinarios grazas á atmosfera que crea cada un dos seus temas. Dende a enerxía pura da distorsión dun tema rockeiro con aires sesenteiros a un blues escuro e embriagador; dende unha peza progresiva que harmoniza a telúrica historia de Chicxulub ao son futurista de Little Tokio, dun potente e pesado riff que canta a un Brontosaurus a un groove con tintes swing en honor a Pangea. A todo isto engádense, como non, os precisos e preciosos de cada un dos seus integrantes. En definitiva: Soylent Green Project son unha proposta instrumental diferente na cidade de Santiago de Compostela.
A historia de Soylent Green é que para alimentar a tanta poboación, danlles de comer precisamente iso: Soylent Green (produto cuxo ingrediente principal son os cadáveres). O propósito é reciclar xente, non tanto para comer, senón para mellorar. Algo que me lembra á gran obra mestra de cine galego “La Matanza Canibal de los Garrulos Lisérgicos” onde o propio Manuel Manquiña (Martín Seijas Machado) dicía “En el mundo sobra gente y falta comida! Nosotros hacemos que haya menos gente y más comida…”.
E ata aquí a aventura gastronómica musical de hoxe. Se che apetece degustar este dobre prato vexetariano que che propoñemos, podes entrar directamente no seu BandCamp (soylentgreenproject.bandcamp.com) e desfrutar deste exquisito manxar! Feliz Papeo e ata o próximo número, no cal tentarei mudar de cor, coma David Bowie e introducirme directamente na novela rosa, coma Blake Edwards.
Comments