SKANDERANI. Son Faraónico Made in Gal&Cía.
- rockcompostelan
- 5 mar
- 3 Min. de lectura

Aínda que pareza mentira, non só vivo na miña caverna rodeado de mugre e musarañas. De vez en cando tamén saio á superficie exterior e desprázome no meu coche vampiro a locais de mala reputación. Nun deles vin e escoitei a un grupo que me chamou especialmente a atención, por practicar un son diferente ao que estou acostumado a escoitar habitualmente. Tan pronto entrei no local, os meus oídos percibiron un son bastante infrecuente e diferente a outras bandas deste planeta. A pesar de escoitar música durante máis de trinta anos, os meus oídos son moi sensibles e captan á primeira cando algo ten calidade; e eles téñena. Ver, xa non vexo moi ben de cerca. Resistinme durante anos a usar lentes, pero ao final caín coma moitos outros seres no coñecido mundo da presbicia. Agora si: De lonxe vexo estupendamente e fixeime moi ben nas pintas que levaban. Así que o artigo destes mes de marzo vai dedicado a esta maxestosa banda chamada Skanderani.

Skanderani é un quinteto de música fusión oriental-occidental, que combina batería, sintes, guitarra, baixo e percusións. O grupo naceu en 2022, pero ten a súa orixe nunha gravación de verán realizada uns anos antes por Ahmed, baixo a influencia do Jazz Etíope, Fela Kuti, Jim Jarmusch e Tom Waits...
Aquela gravación titulada “Bastard Jingles” baseouse en regras sonoras estritas. En 2021, o selo madrileño Travesuras Sónicas decide editar “Bastard Jingles” en vinilo e pide un directo de Skanderani para presentar o traballo en xuño de 2022 na Sala Maravillas de Madrid. Deste xeito, o son reconstrúese en forma de banda, dando como resultado un set bailable e festivo, aberto á improvisación. Dende aquel debut no que Skanderani descubriu o seu inesperado poder bailable, foron abríndose paso en pubs e festivais locais. En 2024 gravaron tres temas: “La Gherta” (incluído no 10 Subterranean Hits Of Rock Compostelán Vol.1) e no resto das plataformas dixitais, “Egypsy Queen” e “Pablito” (tamén escoitables nas plataformas sonoras) nos Estudios Soyuz (Santiago de Compostela) con Hevi, mentres seguiron dando varios concertos en salas e festivais.

En maio deste ano farán un bolo en Madrid e algún outro no verán deste 2025. Aínda que igual tocan antes en calquera outro punto do planeta terra, así que podes seguilos no Instagram (@skanderani_band) para estar ao tanto e saber por onde se van mover estes próximos meses.
Falando deste grupo, recórdame a unha banda que tivemos nos 80’s no Barrio de San Lázaro (SCQ), onde se celebra a Festa da Uña. Pero non era unha banda musical, senón unha tribo urbana de Rockers, que nos faciamos chamar “Los Faraones”. Mandabámoslle cartas a Juan de Pablos (Flor de Pasíón – Radio 3 - RNE), que por certo estes días fixo 77 anos. Parabéns, Juan! E dedicabámoslle cancións dos anos 50’s – 60’s ás Pink Ladies de A Coruña, Félix El Caminonero, La Mamá Rocker de Arganda e moitos outros que non me veñen agora mesmo á cabeza. Eramos Willy Succo, Marcos Kenickie, Uxío Rockaloma, Manolo Gato Loco, Rafa Stray Cat e César Nervio Roto (como Toni Nervio Roto de Los Rebeldes). Pero atináronme ben co nome, xa que Nervio teño un cacho. Senón, compróbao ti mesmo, un día destes, en calquera rotonda da cidade.

Volvendo a Skanderani, se tes a oportunidade de velos e escoitalos en directo, eu de ti non mos perdería, así que faite seguidor xa do seu Instagram e non deixes de escoitalos nas plataformas de moda. Mil gracias por todo, Ahmed! Viva Tutankabrón!