SAMESUGAS «Habemus Novo Disco».
- rockcompostelan
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura

Foto: Janite
Xa pasaron 14 anos dende aquel ‘They Are Out There’ (Lixo Urbano, 2011). No 2020 gravaron un single con Willy Succo Brother, pero ata este ano 2025 fixéronse de rogar para publicar novo material discográfico, aínda que no 2023 publicaron un sinxelo ‘It’s Over’ e no 2024, ‘Last Night On Earth’.
Agora, ano 2025, atacan con material de primeira división. ‘White Fire’ é o seu novo traballo discográfico.
Os Samesugas, que penso que non precisan presentación, cultivan un son cru e directo, onde se cruzan as liñas de alta tensión do punk, a base hipnótica do garaxe, a melodía infecciosa do power-pop e a intensidade do hardcore. ‘White Fire’ é a destilación desa enerxía, agora elevada a unha dimensión case mística: o lume que arde sen verse, a chispa que transforma e o berro que ilumina.

Editado polo selo compostelán Lixo Urbano, aliado inseparable da banda dende os seus comezos, este novo disco, máis que un fito de 25 anos, é unha reafirmación. Un disco que celebra a fidelidade a un camiño propio, sen concesións nin modas, pero tamén unha porta aberta a novas epifanías sónicas.
Gravado coa convicción de quen cre aínda na forza redentora do rock & roll, ‘White Fire’ é ao mesmo tempo unha celebración e un nacemento. Un disco que mira cara atrás con orgullo, pero que apunta cara adiante cos puños pechados e o amplificador ao máximo.
Non é un disco de revival. Non é unha homenaxe. É un acto de supervivencia sonora, un ritual eléctrico feito por xente que xa non cre en manuais de estilo, pero que aínda cre no poder da música directa ao peito. Samesugas non se apagan, Samesugas incendian.
O disco está gravado, mesturado e masterizado por José Martínez nos Estudios Bonham de A Coruña e tódolos temas están compostos polos Samesugas, agás o corte número 10, que pecha o disco, ‘Messenger’ (Greg Sage, The Wipers).
Dúas colaboracións: Paulo Pascual toca o theremin en ‘Endless Shades’ e José Martínez Bonham fai coros en ‘Hard To Pretend’. O inmellorable deseño gráfico corre das mans de Guillotina Estudio.
Dende hai unhas semanas xa podes escoitalo en tódalas plataformas sonoras e se queres mercar o vinilo, disco compacto e mais merchandising, podes facelo no Bandcamp de Lixo Urbano.
Onde podes velos proximamente en directo? O 31 de maio estarán na Sala Capitol de Compostela, acompañados de Bule e Paulo Pascual.

White Fire – Lume Branco – Habemus Samesugas – Habemus Papa!