top of page

ROBOTIZZ: A invasión dos Freak Androides.

Ao longo da historia da humanidade sempre existiron milleiros de robots. R2-D2 de Star Wars, Robby do clásico de ciencia ficción Forbidden Planet, Twiki da serie televisiva Buck Rogers e unha longa odisea máis…


Desde os sumidoiros de Compostela e espallándose cara o infinito e máis alá, desprázanse miles de androides, que co tempo serán milleiros. A súa misión non é outra máis que formar parte da decoración do teu fogar. Uns locen tipo fino e demacrado, xa que abusan dos estimulantes. Excítanse a base de cafés e infusións. Outros están un pouco máis entradiños en carnes. Encántanlles os doces, as tortas, os bombóns, os caramelos e o mel. Algúns foron polo mal camiño. Déuselle polos disolventes e ademais gústalles botar un pitilliño de cando en vez. A outros préstalles estar máis relaxados e tiran da tila. Tamén hai os que se engraxan en aceite de oliva, e a algúns que outros foiselles un pouco a man co pementón. Todo é Jauja! Vamos, que non existe gran diferenza entre eles e nós! De feito un androide é un organismo sintético antropomorfo que, ademais de imitar a apariencia humana, emula algúns aspectos da nosa conduta de xeito autónomo.

O músico e luthier compostelán Javi Bermejo, máis coñecido coma Javi Pretty é o autor desta serie de robots que se esconde tras o nome de Robotizz. Artista inquedo que nunca viviu da sopa boba. Personaxe que non pasa desapercibido. Alá onde vaia sempre che vai felicitar o ano, dá igual que sexa a principios de xaneiro coma no mes de maio. Icono fundamental da escena underground compostelá. Escorredizo e hiperactivo, Javi Pretty compón obras mestras que se moven entre o rock and roll, o folk, o pop experimental, as bandas sonoras para obras de teatro, a música incidental e as nanas. Cancións domésticas, frescas e maxistrais que acaban soando coma un curioso Frankenstein, ao igual que os seus robots fabricados con material reciclado que vai atopando pola rúa, nas ferraxerías, nos talleres de luthiers de guitarras, nos de electrónica e nas trastendas. Antenas de router, conectores de Jack, USB, RCA, válvulas de amplis, parafusos, ventiladores, pilas, billas, manubrios… son algúns dos materiais que emprega para a súa creación. Javi é un gran admirador de Sátrapa e Pitarque, outros dous grandes creadores de robots.


Formou parte de bandas clásicas da nosa cidade coma Stay Pretty ou Velcro, foi músico de Noe Black, e agora mesmo mantén a súa faceta en solitario coma Javi Pretty, pero de cando en vez tamén ataca con outras formacións coma Jiñasas, Space Flipper ou Last Dance.


Robotizz preséntase esporadicamente en forma de exposición, unida ademais a outra expo creada polo propio artista chamada “Sobras de Arte”, que a principios de xuño estará en Madrid en “Artistas de Barrio”, aínda que agora mesmo está traballando nas “Mini-Sobras”, pensadas para espazos máis reducidos. En breve exporá en Vigo, no “Mala Vida”, e coma Javi Pretty tamén poderemos velo o día 20 deste mes de maio no “Día del Orgullo Loco”, tamén en Madrid.


A que molan os androides? Non che apetece adoptar un? En Compostela telo doado! Pódelos atopar á venda en Mononoke, La Gustosa, Rimess e O bandullo do lambón. En Ferrol en Explorer 66 e na Illa de Arousa en Gradisela. Tamén a través do facebook de Robotizz.


Por certo! Se nalgún momento notas que se che fundiu un fusible ou que che falta un parafuso… Ti tranquilo! Non pasa nada! O teu material está a salvo! Posiblemente se reencarnara en forma de robot! Cada vez creo máis na ciencia ficción…


A sintonía de Robotizz corre a cargo do propio Javi Bermejo tocando a guitarra e poñendo a súa voz, e Carlos Pereiro vs Carlangas (Novedades Carminha) ao baixo.


Neste mundo no que vivimos, cada vez máis rodeados de robots e teléfonos android nocivos para a saúde, cos Robotizz penso que podes ficar tranquilo, xa que en principio son inofensivos, ou iso creo… Aínda así, ándate con coidadiño! Hoxe toman a túa casa, mañá pode ser o mundo…

Kommentare


bottom of page