Regreso ó pasado.
- rockcompostelan
- hace 15 horas
- 3 Min. de lectura

The Pleasure Fuckers
Agora que precisamente se cumpren 40 anos de "Back To The Future" (pura casualidade), decidín escribir un artigo comparando a movida dos 90's en Santiago, coa de agora. Oxalá volveran os 90's. Iso xa é imposible, pero dende logo, non hai quen me quite o bailado (nunca mellor dito).
Falan da movida madrileña, da movida viguesa, pero en Compostela tamén houbo movida (en realidade, tódalas cidades a tiveron), e moita, e os que temos certa idade, aí estivemos, desfrutándoa a tope.

Los Planetas
Que mabillosos tempos aqueles, nos que podías ir a locais coma Clangor, La Clave, El Hipódromo, Número K, Factoría, Nasa, Casa do Patín, Tucano, Cuncas,... e agás nos dous últimos, poder desfrutar das primeiras xiras de El Inquilino Comunista, Australian Blonde, Cool Jerks, Los Flechazos, The Pleasure Fuckers, Los Elementos, Los Planetas, Corcobado & Manta Ray, Los Enemigos, Del-Tonos,... ou bandas e cantantes internacionais coma Fugazi, Godfathers, Robert Gordon, Jonathan Richman e un longo etc... Todo isto grazas a quen daquela era un mozo e hoxe en día, todo un señor procedente de Arzúa, chamado Carlos Mariño ao que teño chamado por teléfono miles de veces e frecuentar bastante asiduamente a súa oficina en Santiago "Spanish Bombs", para promocionar e entrevistar cun aparato retro, pero con moi bo son, e en falso directo, ás bandas coas que el traballaba, no meu programa de radio. Moitísimas grazas Carlos por facernos desfrutar tanto da túa programación e tamén de inolvidables festivais que creaches no teu pobo natal, como o "Festival do Queixo" ou a "Festa dos Botes".
Grazas tamén a Xaime Casas (Idea Rock), que foi quen trouxo a Fugazi ao Número K, ademais doutras grandes bandas. A Fernando Pereira (Clangor) e a outras Asociacións Culturais, Fanzines, etc,... que programaban concertos moi interesantes pola cidade. Ata lembro que nun momento dado, Carlos Mariño e Xaime Casas se chegaran a asociar, para organizar eventos musicais de gran calidade, os cales serán irrepetibles. Que época tan bonita e como a boto de menos.

Australian Blonde
Lembro falar despois dun bolo no Número K cos Australian Blonde, antes de darse a coñecer a nivel masivo o famoso "Chup Chup" e quedar con eles ao día seguinte pola mañá, coller un bus urbano e desprazarnos ata o Burgo das Nacións (Radio Kalimero) para gravar unha entrevista ou con The Killer Barbies, cando acababan de arrancar, para entrevistalos na radio, antes de actuar na Sala Nasa, e non pasar precisamente desapercibidos polo seu vestiario habitual e os seus peiteados e demais detalles. Tamén me acordo do Gran Kike Turmix (The Pleasure Fuckers) cando tocaran na Nasa e como facían punk-rock, a alguén do público se lle ocorreu cuspirlle na súa impoluta camiseta, e dicir polo micro "Chicos, ya no estamos en el 77 para escupir en los escenarios" todo cabreado. Os concertos en La Clave (Santa Lucía) comezaban moitas veces á unha da madrugada e incluso máis tarde. Quen nolo ía dicir agora?

Cool Jerks
E agora que? Unha sala de concertos que programa un pouco de todo e lóxicamente está considerada unha das mellores e máis reclamadas do Estado Español. Normal. Moitos locais que non teñen licenza para facer concertos, arríscanse igual a pesar de poder ser sancionados ou pechados. A maioría deles cun son que deixa moito de desexar. Outros locais que soan xenial pero non teñen licenza para realizar este tipo de actividades e por culpa de catro posturitas que decidiron publicar fotos nas RRSS e facer correr a voz, acabaron tendo que suspender a programación. Locais que sempre programan o mesmo (grupos de versións que chegan a aburrir a un santo e que o cantante, por chamarlle dalgunha maneira, se aprendera a cantar, moito mellor lle iría), bandas que se cren que fan Blues e se pos de cantante a unha burra orneando e non miras para o palco, nin notas a diferenza, Festivais de verán no máis alto da cidade que reciben grandes subvencións, teñen todo solucionado e enchufan a moitos dos seus colegas "famosillos" no seu patético cartel e outros máis pequenos que continúan adiante, sabendo que van triunfar, aínda que traian a un branco maquillado de negro (como facían hai anos con Baltasar na Cabalgata) con tal de que cante ben e fora nalgunha xira corista de James Brown, aínda que non o coñeza nin dios. Iso si: Non esquezas levar a almofada, xa que vas durmir a perna solta.
E así está o panorama señoras e señores.
Busquen, comparen e se atopan algo mellor, por favor, fáganmo saber.