Ramón Figueira “Figui” – Mr. Philharmonic Cartoonist Chef Man.
A Santiago vou lixeiriño camiñando, coa miña filharmónica sen saber que a cociña do Mou’s me está agardando. A Santiago vou lixeiriño debuxando o camiño do blues, sen ser moi consciente de que é o futuro que me está agardando…
Dende a República Independente do Barbansa, e despois de chupar moito merengue nas Illas Canarias, afíncase en Compostela, onde reside e traballa en diferentes proxectos a día de hoxe. Desde os fogóns do Mou’s Bar, ata os garitos de blues de Compostela, farache sentir bolboretas tanto no bandullo como nos teus oídos.
O SEÑOR, con maiúsculas, Ramón Figueira, “Figui” para os amigos, elabora un trifásico con ingredientes esenciais. Toca a harmónica, ou coma o seu avó lle chama, a Filharmónica, debuxa viñetas e cociña melodías coma só el sabe facelo. Socorro! Non o agobiar que van saír todas as comandas. Que jevi!
Sr. Halloran, que hai na 101? Iso se preguntaban os hóspedes do Hotel Los Trillizos anos atrás en Boiro, cando usaban ese cuarto que parecía o camarote dos irmáns Marx para ensaiar. Guitarrista frustrado, que comezou no mundo da música cun proxecto que nunca conseguiu levar ao directo enriba dun escenario, a pesar de ser o seu obxetivo: o grupo Cochinillos y Bebés (igual de aí xa viña a súa paixón pola gastronomía, coa súa avoa como máximo referente). Anos máis tarde, despois de ver en directo en Compostela a Los Reyes del K.O. caeu no pantano do blues, o Río Coroño de Boiro, afluente do Misisipi. Esa noite cruzouno e rehogóuse nel coma un exquisto manxar. Esto no es Hawai. Que wine! Blues ao roxo vivo. Ollo! Non é mudo! Oído cociña!
Super fan de Jamie Olivere Anthony Bourdain, que hai poucos días decidiu apertar ao máximo o cinto e poñerse Eternamente a Dieta, debuxa viñetas con aire culinario, cotidiano e alma negra. “Eternamente a Dieta”, a súa colección de viñetas que cada día engorda máis, presentouse por 1ª vez en forma de Expo en La Borriquita de Belén (Compostela), e nun futuro non moi lonxano, pero si lonxevo, volverá…
A gastronomía é o novo Rock And Roll. The Lákazans, Andhrea & the Black Cats, Sabela King & The Heartbreakers, The Fabulous Resaca Brothers e The Big Lis Gumbo Band son unha boa mostra das súas habilidades no ámbito musical. Bandas coas que percorre desde hai anos a xeografía deste país, onde deixa boa mostra da súa paixón polo blues, o soul, o rock and roll, a música con sentimento, alma, e sobre todo, moita elegancia, onde sen dúbida algunha, afía a súa harmónica e saca o seu lado máis canalla.
De luns a venres á hora do xantar pódelo pillar coas mans na masa entre os fogóns do Mou’s Bar (Rua Melide 17, Compostela). Amasoume! Hai anos facían boa pasta en Vite ou Pontepedriña, agora todo se cociña ao punto de sal con follas de Saljeiro. Que fachenda! Al Capone, Al Pacino, Al carallo! Al lío! Toca cociñar! Se non, non se fai pasta. E como din alí: “O que non mata, engorda”. Os seus pratos están para chucharse os dedos, e se o visitas con frecuencia acabarás de bo ano, camiñando logo cara o lado escuro como Dar Váter. Non é por facerlle a pelota, pero é mundial, e máis cuns cacharros enriba… A pouco máis vírome encarnao. Ai non! Debo estar morao! No Mou’s, aínda que se vistan de amarelo, triunfa o humor negro e a alma negra, mais non cociñan con tixolas de cobre. Iso si! Son tan salgados, que ata me meteron entre as súas ensaladas.
Figui toca coma un anxo disfrazado e saca todo o seu demo interior (Devil in Disguise) e cociña comida refogada con aires de blues.
Naufraga no pantano do blues, e con todos os seus proxectos deixarase caer este verán por Compostela, Allariz, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Pobra do Caramiñal, Narón, Combarro, Salamanca, Jaén,… Quédalle un verán duro por diante, coma dicían Los Coyotes de Victor Abundancia.
Marabilla sonora o 3º traballo de The Lákazans, que se esconde baixo o título de Sandwina (Banda que o presente ano foi galardoada co trofeo ao mellor grupo de Blues nos Premios Martín Códax da Música), do que recentemente publicaron o seu 1º videoclip “My Darling”. Perlaza visual e auditiva.
Se aínda non o coñeces, xa estás tardando! Figui é amor! Ou como dicía Bob Marley: Is This Love!
Non te perdas as súas próximas actuacións en directo, as súas novas creacións viñeteiras e desde logo, nin se che ocorra non ir degustar os seus pratos. Ponte eternamente a dieta…
Comments