Memorias dun neno labrego • Nova versión teatral sobre o libro de Xosé Neira Vilas no X aniversario do seu pasamento no Salón Teatro de Compostela.
- 14 feb
- 2 Min. de lectura

Hai 15 anos, con motivo do 50 aniversario da publicación de tan celebrado libro, levábase ao palco, en forma de monólogo, o primeiro espectáculo escénico baseado na popular novela de Xosé Neira Vilas.
Por que esta segunda experiencia? Porque o libro máis publicado, traducido e lido da literatura galega ben merece ser visitado numerosas veces e da man das máis diversas artes. Neste caso a teatral, que vén sendo a arte das artes, pois de todas elas se nutre. Porque é tal a riqueza de contidos, sentimentos, referencias e reflexións que contén ou provoca este libro, que cómpre dedicarlle sucesivas lecturas, como acontece con toda obra que, por convención social, acada a categoría de clásica. E Memorias dun neno labrego é iso a día de hoxe: un dos nosos grandes e máis populares clásicos literarios.
E, certamente, porque nestas datas hai dez anos que nos deixou o seu autor, a quen, con motivo de tan sentida efemérides, queremos facer a debida e merecida homenaxe.
Así, se aquela primeira visita escénica se concretaba nunha efectiva pero sinxela fórmula unipersoal na que se combinaban recursos da narración oral e do teatro, esta proposta de agora pon en pé un espectáculo de maior e máis ambicioso formato que, contando coa presenza de sete actores e actrices, se inscribe de cheo nun inequívoco territorio teatral.
Un espectáculo vivo e dinámico que se articula como un concerto de emocións: as emocións argumentais que suscita a atribulada historia do neno Balbino, protagonista do libro; as emocións profundas que derivan da memoria común de herdeiros dun tempo e un mundo rural que aínda resoa na nosa alma colectiva; e as emocións máis inmediatas e epidérmicas que xera o propio xogo teatral (con todos os seus signos: interpretativos, plásticos, lumínicos e musicais), o humor e a comunicación directa co público.
Cándido Pazó I Texto e dirección.
Memorias dun neno labrego.
Funcións: do 8 de xaneiro ao 25 de xaneiro. De mércores a domingo ás 18h00 no Salón Teatro [SCQ].
