Marcos Guitián: Volve o Grunge! En realidade, nunca se foi!
Moitos de vós poderedes chegar a pensar que a miña profesión, por chamalo dalgunha maneira, é realmente fácil… Para algúns secuaces que estean acostumados a abrir regos, sen pensar máis alá do que as súas mentes prodixiosas poidan experimentar, sen centrarse en materia sólida, licuosa ou gasólea, sen espírito propiamente inquedo e sen coñecemento de causa, quizais o sexa. Agora, cando se trata de falar de alguén, que sabes que merece a pena falar, xa que vas involucrarte e destripar un terreo, que quizais sexa descoñecido para moitos dos cerebelos terráqueos, a situación e sensación é realmente outra. Iso é o que me ocorre, cando me atrevo a desenterrar a personaxes do submundo, que é preciso que vexan a luz do día, coma se de vampiros se tratase. É o caso de Marcos, vello tripulante de ultratumba, que se resiste a que o seu peito sexa atravesado unha e outra vez por estacas e estacazos limpos, directos ó corazón, a pesar de que as circunstancias da vida non fosen para menos.
Supervivinte putomilagreiro do underground, o Sr. Guitián vomita desde a súa maseira interior todo o que a vida, sabiduría e aprendizaxe Old School lle fixo descubrir. Tragou terra no cadaleito e con enxeñosa mestría, aprendeu a cuspila, para non quedar no intento. É certo que o que non te mata, faite máis forte, e así o demostra no disco ‘La senda del hielo’, do que podes desfrutar agora mesmo. A súa primeira entrega en “solitario”, na que se fai acompañar de grandes músicos, que non son produto da casualidade. Temas que che farán reflexionar sobre o belo e o amargo desta vida que nos tocou vivir, para uns mellor, para outros peor.
Sen caer en etiquetas, convídovos a que escoitedes e destripedes a contagotas o que é este flamante lanzamento discográfico, que acabo de descubrir. Ides chorar, botarvos unhas risas, pero penso, que sobre todo ides reflexionar moito, e realmente iso é do que se trata. Pero tampouco me quero poñer dramático, así que, por favor, desfrutádeo e quitade a vosa propia conclusión. Nada máis! Desfrutade e sede felices! Marcos é un gran tipo, unha belísima persoa, e merece ser escoitado!
Ollo! Está preparando un directo acolloante! Non digo máis! Esto es tó! Esto es tó! Esto es todo, amigos!
コメント