top of page

LUIS BEATLE • SEMPRE PEGANDO DURO.

  • 12 feb
  • 3 Min. de lectura

Foto: Mariano Monje


Nesta cidade fanse moitos bolos en diferentes garitos (como vos comentaba no artigo anterior) e hoxe en día temos boa mostra diso nas RRSS. É certo. Pero hai 40 e pico anos, como se facía a promoción dos concertos? Non existían as RRSS. Pois pegando cartéis na rúa e nos bares, facultades, residencias de estudantes, etc.... Moitas bandas facíano e continúan a facelo elas mesmas. A verdade é un choio que continúa a día de hoxe, a pesar das redes. Buff! Cantos carteis teño pegado eu por Compostela adiante. Pero hai xente que xa ten dabondo coa súa actividade e entón chama a Luis. Si, sempre houbo un home que se adicou a este menester (é un dos pioneiros) e coido que todo bicho de dúas patas e de catro tamén (prefiro ós de catro), coñéceno de sobra. Hai moito tempo que quería escribir sobre el. Hai unhas semanas chameino e aceptou encantado. Persoalmente, hai moitísimos anos que o coñezo e sempre me levei moi

ben con el. Pero a vós iso que máis vos ten, non si?


O do nome (Luis Beatle) é obvio, non? Cae de caixón! Mólanlle os Beatles, por iso lle chaman así. Non podía ser doutro xeito. Por suposto que ten toda a discografia en vinilo da banda de Liverpool, pero non só iso. Posúe un total de 5.000 vinilos, aproximadamente. Toda unha vida coleccionando (dende os 16 anos) e xa se vai xubilar en breve. Os anos pasan pero o talento permanece.


Foto: Mariano Monje


Flipoume entrar na súa casa. Todos os vinilos clasificados por estilos, artistas, músicos que gravaron con outros músicos. Unha pasada. A verdade é que non me agardaba menos. Parabéns Luis, pola túa orde e clasificación.


Pero non só de The Beatles vive Luis. Case toda a súa discografia consta de música americana e inglesa, aínda que tamén existe música española, galega e unha carpeta chamada "Amigos y Conocidos" (Nicho Varullo, etc....). Discografias completas de King Crimson, Janis Joplin, The Allman Brothers Band, Yes, Chicago, Fleetwood Mac, e un longo etc... Non

remataría nunca.


A verdade é que xa nin se lembra de como comezou a pegar carteis. Normal. Despois de tantos anos? Traballou e traballa para infinidade de xente, como a Sala Nasa, Chévere, Sala Galán, Matarile Teatro e máis compañías, Centro Dramático Galego, Sala Capitol, Sala Yago no seu momento, Ateneo, Feiras do Disco, Numax,...


Agora mesmo non soe asistir a concertos e iso que nalgúns sitios non ten nin que pagar entrada, pero sempre fai un oco para ir ver a amigos como Adrián Costa.


O seu soño era ter unha tenda de discos. Agora xa non. E é un gran amante dos órganos Hammond (un instrumento que me apasiona dende sempre). Púxome un tema de Brian Auger co que flipei moito (Hammond, Batería e Voz únicamente). Acolloante! Jimmy Smith (outro dos seus grandes ídolos), Sex Museum, por suposto e un longo etc...


Luis, Marcos, Eu & Willy Succo


O que máis lle fastidia de todo este mundillo é que nunca aprendeu a tocar ningún instrumento, agás o que leva entre as pernas e menos mal...


E que máis vos podo contar del? Que é un Señor de palabra e co que te podes pasar horas e horas falando sen parar.


O resto, podédesllo preguntar a el, cando o atopedes polo rúa.


É unha mágoa que se vaia xubilar en breve, pero coido que xa lle vai tocando, así que ben merecido o ten o pobre. Volverei quedar con el e facerlle unha visita (sei onde vive). Os seus temas de conversación son moi interesantes e escoitar un disco en vinilo na súa compaña nin vos digo.


Así que, Luis Beatle, a gozar da xubilación e seguir aumentando esa coleccion. Un pracer entrevistarte, aínda que máis ben foi unha charla entre amigos, co cal aínda o pasei mellor.


E vós, ide espabilando, que alguén ten que collerlle o relevo.


Longa vida ós carteis físicos!


Luis Beatle Forever!

 
 

© 2015 Rock Compostelán.

  • Youtube
  • Apple Music
  • b-facebook
  • X
  • Instagram Black Round
bottom of page