top of page

Ela Von Morton: A raíña do rock and roll

Imaxínaste dar unha volta polas rúas e garitos de Compostela e atoparte a unha Pin-Up, interpretando en directo vellos clásicos de Jerry Leiber e Mike Stoller, Carl Perkins, Alan Block e Donn Hecht, Paul Anka, Chuck Berry, Otis Blackwell e Jack Hammer, Brian Wilson, Gene Vincent, Little Richard ou Berry Gordy Jr., sobre un escenario? Eses temazos da época dourada do Rock & Roll que nos presentou o Mestre Juan de Pablos, no seu programa Flor de Pasión en Radio 3? Parece que ocorreu nunha vida anterior, verdade? Si, é certo! Desde que a COVID-19 chegou ás nosas vidas, a música en directo deixou de soar da noite á mañá, para a desgraza de moitos. Pero os/as artistas seguen aí, cos seus proxectos en Stand By, compoñendo e gravando cando a situación o permite, actuando On Line, e desexando retomar a súa actividade o antes posible, para poñernos de novo a bailar.


É o caso de Noela Romero, noiesa de nacemento, descendente de músicos, que comezou a súa formación musical ós 6 anos no Conservatorio de Noia (solfeo e piano). Ós 11 anos empezou a estudar clarinete na Banda Municipal de Noia. Anos máis tarde sería clarinete na Banda de Lousame. Ós 15 anos experimentou coa súa primeira banda de blues en Noia e estudou clarinete, piano e canto coral no Conservatorio de Santiago de Compostela. Ós 21 improvisou blues en Santiago cos Cuncas Blues (Xulián Freire, Adrián Costa e Marcos Coll). Participou na gravación de música pop (Maconha Pop) con Román Gutiérrez. Tamén aprendeu a tocar a pandeireta. Dende os 25 e ata os 30 anos, traballou como cantante en vodas co trío Cocktail e Blanca Doble. Ós 27 cantou bossanova e samba con Narciso Rodríguez e os netos de Prudencio Romo. Ós 28 comezou a estudar baile flamenco durante tres anos en Noia, coa profesora Ana Mejuto. Ós 35 participou en Zombie Amy Project, cantando con Xaime Barreiro á guitarra e Luis Villa ó baixo. Aprendeu a tocar o ukelele e iniciou un proxecto en solitario, como Lonely Amy, tocando Rock & Roll dos anos 50 e versións de Amy Winehouse. Ó proxecto uníronse Javi Bermejo á guitarra e Curro Marcos ó caixón flamenco, e gravaron un disco despois dunha xira de decenas de concertos por toda Galicia, baixo o nome de Noe Black & The Bang Band, destacando a súa participación no Feito a Man 2017 e as Festas do Apóstolo, xunto a Jerry Noia ó baixo e Germán da Ponte ó saxo. Por esta formación pasarían tamén Guillermo Vistoso á guitarra, Fran Facal ó caixón e Gerardo Otero á batería. En 2019 gravou un disco de nadal (aínda inédito), con Fran Facal, Xabier Olite ó baixo e Flor como cantante e guitarra, coa formación Christmas Ladies Snow Band.

Actualmente continúa rocanrroleando en Hot Rods, como Flag Lady, con Jerry Noia á guitarra e Gerardo Otero á batería. Canta, toca o banjolele e o clarinete jazz e soul co cantante e pianista irlandés Paul Black, en Bourbon Gangsters, como Mama Morton; e pon a súa voz no grupo V-Roc. Case nada, vamos! Toda unha vida dedicada á música, que non se pode esfumar así, sen máis! Para min, toda unha raíña do Rock & Roll, da cabeza ós pés.


Agardemos que todo isto volva á normalidade nun futuro non moi lonxano, e poidamos volver desfrutar da música e as artes escénicas en xeral, como faciamos antes. Así que, por favor, portádevos ben e tede sentidiño, para que sexa o antes posible… Eu, mentres tanto, continuarei cociñando músicas a lume lento, na miña marmita do Rock & Roll.


FORZA, SALUTI A TUTTI, BACIONI, AUGURI, IN BOCCA AL LUPO, ARRIVEDERCI E A PRESTO PINO!!

Comments


bottom of page