Como coñecín á miña banda de Rock & Roll favorita: ‘Los Miserables’
Corría o ano 1992 en Santiago de Compostela. Eu tiña 18 anos e vivía no barrio que me viu nacer, San Lázaro. Por aquel entón, eu tocaba o baixo nunha banda que logo chegaría a chamarse ‘Túzaros’. Había que bautizarse dalgunha maneira e a min ocorréuseme ‘Os Miserables’. Pero resulta que unha tarde de sábado, acababa de sintonizar o Diario Pop de Jesús Ordovás en Radio 3 e estaba soando unha banda, que me estaba flipando, pero, aínda non sabía quen eran. Cando rematou o tema, Ordovás presentounos como ‘Los Miserables’ de Santiago de Compostela. Quedei coa boquiña aberta! Non tiña constancia da existencia de tal grupo e a verdade é que se notaba que non acababan de empezar nisto da música, xa que a calidade de composición do tema que acababa de soar ‘Televisión’ era sublime. Comenteillo a Mario, Chata e Xaime, que por aquel entón tocaban comigo en ‘Os Miserables’ e non mo crían, ata que a seguinte semana Ordovás volveunos programar e puiden gravalo nunha casete e amosarllo. Máis tarde pasarían a chamarse ‘Túzaros’, pero eu xa non formaba parte da banda.
Daquela eu xa facía radio, en Radio Medellín 88.2 F.M. – Santiago, e quería localizar a ‘Los Miserables’, pero claro! Non había internet como agora! As bandas gravaban as súas maquetas en casete e enviábanas por correo ordinario ás radios. Polo que lle remitín unha carta a Jesús Ordovás a Radio 3, preguntándolle por ‘Los Miserables’ e respondeume. Envieille unhas casetes TDK virxes, e mandoumas de volta, gravadas co material que tiña de ‘Los Miserables’. Ordovás flipara con que non os coñecera, sendo de Santiago, pero así era. Ao ano seguinte, 1993, volvéronlle enviar unha nova maqueta, con novo material exquisito para os meus oídos e volvín a poñerme en contacto con el. Pregunteille se tiña un teléfono ou un enderezo de correo, para poñerme en contacto con eles, e rebuscando nun sobre, no que lle enviaran unha maqueta, no ano 1988, atopou un enderezo da Pobra do Caramiñal e mandoumo. Así que collín a guía telefónica e empecei a chamar a tódolos teléfonos da Pobra, que coincidían co apelido do remitente, ata que despois de varias chamadas, localicei a un deles, pero xa non vivía alí. Era a casa dos seus pais e súa nai moi amablemente, facilitoume o teléfono de contacto do seu fillo, que vivía en Santiago. Cando lle chamei, o tipo quedou flipao!
Ese mesmo ano, 1993, tivo lugar en A Coruña, un dos acontecementos máis importantes do século, ‘O Concerto dos Mil Anos’, que se celebrou no Estadio de Riazor, e por aquel escenario foron rulando durante 3 días, grandes clásicos coma Neil Young, John Mayall, Bob Dylan, Eric Burdon, Jerry Lee Lewis, Chuck Berry etc. Ordovás chamoume e díxome que ía emitir o Diario Pop desde Radio Nacional de España en A Coruña, con motivo do festival e preguntoume se me apetecía pasarme, para falar en directo do panorama actual de bandas, fanzines etc. en Galicia. Por aquel entón, as bandas compostelás que programaba Jesús Ordovás no Diario Pop, máis frecuentemente, eran ‘Los Miserables’ e ‘The Tombstones’. Así que pregunteille se quería que me puxese en contacto con elas e se achegasen comigo ese día, para poder promocionar os seus traballos mediante unha entrevista en directo. Díxome que si e alá fomos. Eu daquela non tiña coche e recolleume en San Lázaro Miguel Curra (cantante dos Tombstones) e ‘Los Miserables’ quedaron de chegar a Coruña. Fixemos entrevista con Ordovás e logo fomos desfrutar do Concertos dos Mil Anos. E aí comezou a miña relación con ‘Los Miserables’. Pouco despois, pecharíanse de novo nos seus Estudios Miserables e gravarían o que sería a sintonía do meu programa de radio, que por aquel entón chamábase ‘A Parte de Atrásh’ e a versión galega que logo realicei do Diario Pop de Radio 3 en Galicia.
No meu libro ‘30 Anos Traficando Cultura Subterránea’ (Historia do Rock Compostelán), que se está facendo de rogar, desgrano a historia completa desta banda que, sen dúbida, é a miña banda compostelá favorita de tódolos tempos. Isto é simplemente un avance… Agora, estaredes desexando escoitalos. Si! Teñen moito material gravado en K7, do que dei boa conta nos meus programas radiofónicos, nos anos 90 e que volverei recuperar na nova temporada de Plástico Elástico, que proximamente regresará ás ondas hertzianas. Permanecede atentos!
Comentarios