top of page

Captain Trasho: R&R Cavernícola de Ultratumba!

Hai un par de meses quedei co meu Amigo Alberte dos Samesugas no seu local de ensaio ‘A Casa Xurásica’ en Compostela. El estaba enfastiado da ciática e eu, con lumbago (ao día seguinte estaba eu fodido de moito carallo! Pero o Rock & Roll é así, cargar de descargar, etc. Non só saír no escenario de Chichirichachi facendo posturitas). Si, a estas idade xa empezamos a falar de enfermidades. Imos vellos! O caso é que lle baixei unhas pantallas de son para o local dos Samesugas, e no local que estaba ao lado, escoitei soar Rock & Roll de Ultratumba. Pensei que era unha banda e Alberte díxome que era un tipo só. Quixen coñecelo e presentoumo. A primeira toma de contacto foi fabulosa! Tipo súper educado e gran músico, polo que puiden escoitar mentres estiven alí, e propúxenlle escribir un artigo para esta páxina que estades lendo. Aceptou encantado! Sabedes perfectamente que me encanta descubrir novos seres do submundo e ese día tiven moita sorte. Graciñas, Satán!

Pablo ‘Captain Trasho’ é de Lugo, pero vive en Compostela. Tivo unha banda chamada Rockatansky por alá e outros proxectos en Santiago; e a partir do 2019 empezou a probar o formato One Man Band, xa que lle gustaba moito Mark Sultan. No 2021 publicou un 7” que podes escoitar no seu Bandcamp con cinco cortes espectaculares.


Xa leva unha temporada tocando polo planeta Terra adiante e ían sendo horas de que aparecera nesta páxina. Eu dende logo necesito que saia. Pídemas o corpo, meniña!


Nunca tiven a sorte de velo tocar en directo, pero pasoume un tema para a miña compilación ‘10 Subterranean Hits Of Rock Compostelán, Vol. One’ e coido que é un dos mellores deste álbum, que podes escoitar no Bandcamp de Rock Compostelán. Ademais é o corte 9 (o 6 ao revés). Pura casualidade? Non o sei...


En principio coido que non hai bolos á vista, pero podedes seguilo nas súas redes sociais onde se define a el mesmo como “Punk & Roll desde los mejores basureros de Galicia”.


Espero poder velo moi pronto sobre un escenario, se non, tereime que pasar polo local de ensaio de novo. Por certo, é curmán de Javi Pretty, coma os xitanos, pero os dous tocan Rock & Roll Muito Fixe, non Flamenco!

Aquí tendes o enlace ao seu Bandcamp e, ao final deste artigo, un vídeo dos moitos que ten pendurados no Youtube (que me ten ata as pelotas da publicidade. Total! Nin caso lle fago!).


E ata aquí unha nova aventura rockanrrolesca! E moitas máis que quedan por contar. Pero, amodiño...  Non vaiamos pillar unha sobredose de Rock & Roll... 


Vostedes o desfruten!


 

© 2015 Rock Compostelán.

  • Youtube
  • Apple Music
  • b-facebook
  • X
  • Instagram Black Round
bottom of page