Benvidos ao Submundo Subterráneo.
Despois do último artigo que escribín para esta sección, igual pensades que estou medio ‘trallao’, ou ‘trallao’ e medio. A verdade, non me estraña. Nin tampouco me importa, nin vos vou culpar por pensalo. Posiblemente esteades no certo. Non son ser desta galaxia, nin pretendo selo. Simplemente son así. Transparente. Non son un ser usual, nin tal vez ocasional. Son un fenómeno inexistente que ocorre cada ‘tropecentos’ anos e que non volveredes ver, nin saber del, ata que pasen mil anos luz máis, como se se tratase dun eclipse solar ou dun meteorito, deses que si cobre o seguro de fogar ou de automóbil. É dicir, que nunca o cobre o seguro! Seguro que non!
Seguro que o que vos estou a dicir, non vos parece nada seguro, nin tampouco nunca ninguén volo poida asegurar. Pero do que si estou seguro e seguramente vos poida asegurar é que, seguramente, cando tiña menos de 20 anos, nalgún momento fixen un seguro, seguramente pensando no que puidese pasar o día de mañá e a única seguridade do seguro que asegurei, seguro que será o que seguramente escoitedes nestas cancións, que seguramente vos van emocionar. Iso penseino naquel momento e pódovos asegurar que estou tan seguro do resultado da miña selección, que seguro que ningún outro volo vai poder mostrar.
O que ides escoitar de seguido é unha experiencia sensorial, maxestosa, misteriosa e ínfima. Ampla en tódolos sentidos. Así que, só vos pido, que abrades tódolos sentidos e escoitedes detidamente o Bandcamp que fun creando para todos vós ao longo destes últimos meses, no que se esconden referencias, nunca antes visibles, nin audibles no espazo exterior. Referencias que xurdiron de gravacións de ultratumba, que pouca xente conserva, ou que posiblemente ninguén máis que eu as conserve. O que si podedes conservar son estes malditos temas na vosa memoria cancroríxena que seguirán existindo nos vosos cerebros enfermos polos séculos dos séculos. Aí quedan! Para o desfrute dunha e desorbitada xeración que confíe nos creadores dunha especie única e pouco ampla no seu sector. Benvidos ao SubMundo Subterráneo… Seguro que non vos ides arrepentir de mergullarvos nel.
Comments