top of page

Antonio Vázquez: Quen lle dera a Phil Spector!

Imaxino que a estas alturas, ano 2024 despois de Cristo, todos sabemos o que é un produtor musical. Aínda que como ninguén naceu aprendido, direivos brevemente que os produtores musicais son os encargados de dar vida á visión dunha gravación. Son as persoas responsables de determinar e dirixir os aspectos creativos e técnicos das gravacións que se van rexistrar, xa sexa para unha soa canción ou para un álbum completo. O produtor musical é o lider creativo e técnico dun proxecto de gravación. Un produtor encárgase dun montón de detalles que van dende a gravación á incorporación de efectos e outras cuestións necesarias para convertir unha idea musical en algo real. A produción musical consiste no uso da tecnoloxía para transformar unha idea musical en algo que finalmente poidamos escoitar nun soporte, xa sexa un CD, un LP, unha K7 ou unha plataforma de streaming.


Ao longo da historia, houbo numerosos produtores que deixaron pegada na industria musical. Estes visionarios detrás da escena desempeñaron un papel fundamental na creación dalgunas das cancións máis icónicas e álbumes revolucionarios de todos os tempos. Poderíavos falar de “Butch Vig” (produtor do 'Nevermind' de Nirvana), de “George Martin” (produtor principal dos Beatles) ou de Phil Spector (cuxa técnica de orquestración foi o coñecido “muro de son”), pero non deixaría oco para presentarvos ao que sen dúbida algunha, para min, é o mellor produtor que existe en Galicia, o Señor “Antonio Vázquez”.

Sempre atraído pola música, de pequeniño, empezou tomando clases de guitarra, batería, etc... para logo dar o salto ás cabinas das discotecas (que hoxe en día, a maioría, son grandes cadeas de supermercados). A cousa foi a máis e, de xeito autodidacta, foi aprendendo, e comezou a traballar de técnico con orquestras e grupos de amigos (daquela, o chosco era o rei no país dos cegos, e el era o chosco), ata que todo isto pouco a pouco se foi profesionalizando cada vez máis, e empezou a producir bandas.


Fixo bandas de música, orquestras sinfónicas, pandeireteiras, grupos de gaitas, corais, BSO para teatro, cine, tv e radio, centos de maquetas e discos de tódolos estilos, e directos...Toda unha vida adicado á produción musical.


Tamén é certo que producíu máis que nada bandas de Rock, que era o estilo que máis lle gustaba e dende logo polo que sentía especial predilección.


Hai uns días, falando con el, lembrábame como comezou a gravar, hai 40 anos. Todo en primitivo sistema analóxico. Primeiro en Cinta Magnética e logo en DAT (2 pistas) e ADAT (8 pistas / 24 pistas), con medios mediocres e efectos, que nun principio eran bastante horrorosos, pero pouco a pouco fóronse mellorando... Mil anos antes da existencia do Pro Tools.


Entre as súas producións atópanse grandes clásicos, que quizais a moitos de vós vos soen de algo, como poden ser: Emilio Cao, Cantigas e Agarimos, Cró!, Dhais, Nicho Varullo, Psicofónica de Conxo ou Narf.


O seu son é claro, sólido e preciso, ou como só el mesmo podería definilo coas súas própias palabras: Asisí!


Mil gracias Antonio, por ensinarme tanto! Nunca deixarás de sorprenderme!

Comments


bottom of page