top of page

ABELVISIÓN DJ: Glamour nas discotascas

A finais dos anos 90 traballei unha temporada na Feira de Gando de Amio (Compostela). Entraba ás catro da madrugada e o meu choio consistía en limpar camións nos que transportaban animais (cabalos, porcos, vacas, ovellas, cabras, etc.). Unha vez que os pobres bichiños se exhibían na feira, para que os comerciantes os mercasen ou trocasen por outros, os camións ían pasando por un túnel de lavado. É aí é onde entraba eu en operación. Si! O polifacético César Varela, que agora ledes na Pincha, sempre foi un Robot Multiusos, como “Leiro Balai”. Así que, cun sacho na man, limpaba todo o esterco que había depositado nos vehículos. Defecacións e ouriños dos bichiños, durante a viaxe do Cortello á Feira de Gando, para ser máis concreto. E aí foi onde coñecín a Abel. Abel, Javi e máis eu eramos compañeiros de traballo. Logo a min ascendéronme de posto, e no lugar de usar o sacho, pasei a usar “la manguerita”, coma se fose o íntimo amigo de Marcial Dorado.


Cambiando de tema e deixándonos de caralladas, imos ao gran do asunto en cuestión a tratar hoxe. Resulta que aquel rapaz que traballou unha temporada de sachador de esterco na Feira – e non falo de min, senón de Abel- agora é DJ. Faise chamar ABELVISIÓN. Segundo din as Vellas Tárugas, seica o nome llo puxo Armando, un día que o viu entrar ás catro da tarde pola porta do Camalea, On Fire! De reenganchada, vamos! E Armando díxolle que tiña unha estupenda personalidade lisérxica. E así o bautizou. Dou Fe! E non son notario, pero sei perfectamente, que ás veces, dou a nota.

Podería dicir que o Sr. Abel, o primeiro grupo que escoitou na súa vida foi algún dos da Velvet Underground ou dos Beatles, pero mentiría descaradamente. E non hai nada mellor nesta vida que ser humilde e honesto. E se vos digo a verdade, é que o noso artista escoitaba a música que saía pola Tv e aquelo era unha torta de mil sabores, na que un día escoitabas a un tal Perales, o seguinte a un tal Bosé e un día aparecíache un tipo vestido de muller, con vestido curto, medias e mostacho, de apelido Mercury. Na súa casa non se adoitaba escoitar música, pero si tiraban da radio do coche ou das K7’S cando ía ver aos seus avós. Dúas horas de viaxe escoitando aos Irmáns Calatrava, Manolo Escobar, Los 2 Españoles, Rumba 3 e gitanadas varias. A súa cultura musical traballouna practicamente el soíño.


Nos 90’s, gustáballe a música electrónica. De feito, o 1º disco que mercou, foi un recopilatorio dobre de Pastis & Buenri. Máis tarde, e xa co oído máis afinado, chegaron Snap, Moby, Stardust, The Chemical Brothers, The Prodigy, Cassius, KLF, Motorbass e Dj’s como Paul Oakenfold.


No 97 traballou de mensaxeiro nunha furgalla, entre 8 e 9 horas diarias, e a súa fiel compañeira era a música, e así, sen darse conta, foi asimilándoa. E un día empezou a darse conta de que: Hei! Isto pega con isto e despois con isto, e aí naceu o xerme de pinchar.


A primeira vez que pinchou foi en El Matadero, cando o levaba O Chino, e a partir de aí non parou… Logo foron: O Curruncho, A Medusa, Ultramarinos, Embora, A Reixa, Sala Capitol, Paraíso Perdido, O París, Moon Music Club, Kunsthalle, La Caja Negra (Oviedo), 14 Club, Mardigrass e Garufa Club (A Coruña). Agora leva xa tres anos pinchando no Riquela Club, e participou en varios festivais: Slap (Zaragora), GO Gozo, Oktober Fest, Outono Códax e Galicia Woodstock. Os estilos que pincha son jazz, blues, soul, funk, disco, pop e gospel-


Tamén dirixiu un programa de música electrónica na Radio Kalimera “Vitaminas Fluourescentes” e “Pementa Preta” na Radio da Facultade de Xornalismo da USC.


Y colorín colorado, este cuento se ha acabado!


Hoxe, buscado aínda polo goberno, sobrevive como DJ de fortuna. Se vostede ten algún problema, e se o atopa, quizais poida contratalo (contacto: 646 152 955).

Comments


bottom of page