A festa barroca toma Compostela este domingo con ‘Farra’, un espectáculo de música, circo e humor para todos os públicos.
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
A Compañía Nacional de Teatro Clásico e a Cía. Lucas Escobedo presentan este domingo ás 18 horas no Auditorio de Galicia un vibrante cabaré barroco inspirado no Entroido do Século de Ouro.
Verso, música en directo, acrobacia e comedia dialogan co presente nunha proposta galardoada co Premio Max 2025 ao Mellor Espectáculo Musical.
Entradas á venda (3 euros) en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C, ademais de no do propio Auditorio dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Festa, celebración, cultura e comunidade atópanse en Farra, a nova produción da Compañía Nacional de Teatro Clásico e a Compañía Lucas Escobedo que chega a Compostela este domingo, día 1 de marzo ás 18 horas, para converter o escenario da Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia nunha auténtica carnestolenda barroca. Ambientada no Entroido, de 1568, 1668 e mesmo na actualidade, a montaxe propón unha viaxe onde todo é posible e onde as normas mudan para dar paso á risa, á música e á imaxinación.
Con 80 minutos de duración e recomendada para público a partir de 6 anos, Farra constrúese como unha sorte de cabaré barroco composto por cadros escénicos que combinan versos do Século de Ouro, composición musical orixinal, circo, maxia, esgrima e humor. A través desta mestura de linguaxes, o espectáculo sinala —con retranca e espírito festivo— as loucuras do pasado e do presente, ao tempo que reivindica o dereito á celebración e á cultura fronte á velocidade e a hiperactividade contemporáneas.
Dirixida por Lucas Escobedo, con dirección e composición musical de Raquel Molano e dramaturxia de María Díaz e do propio Escobedo, a proposta foi recoñecida co Premio Max 2025 ao Mellor Espectáculo Musical ou Lírico, consolidándose como unha das montaxes máis singulares da escena actual. Conta cun elenco integrado por Raquel Molano, Lucas Escobedo, Alfonso Rodríguez, Paula Lloret, Irene Coloma Priego e Jesús Irimia (Xuspi), intérpretes que combinan teatro, circo e música en directo sobre o escenario. O equipo artístico complétase coa asesoría de palabra de Ernesto Arias, a asesoría de movemento de Mar Navarro, a iluminación de Manolo Ramírez, o deseño de son de Óscar Guzmán, a escenografía de Xavier Erra e o vestiario de Ana Llena e Soledad Seseña, ademais do labor do mestre de esgrima Jesús Esperanza Fernández e do rigger Isaac Flix. A produción executiva e distribución está a cargo de Amadeo Vañó (Cámara Blanca), cun amplo equipo técnico que fai posible unha montaxe de gran precisión escénica. A produción conta colaboración co Institut Valencià de Cultura, Escalante – Teatres de la Diputació de València e o Teatro del Bosque – Ayuntamiento de Móstoles.
Farra chega a Santiago enmarcada no eixo ‘A Tropa C no patio de butacas’ a programación escénica dirixida a público familiar que o Concello de Santiago promove a través de Compostela Cultura co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio da Cidade.
As entradas (3 euros) poden adquirirse a través da web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C (Punto de Información Cultural), de martes a sábado en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas, así como no do Auditorio de Galicia o propio día do espectáculo desde unha hora antes do seu comezo. Prégase o uso preferente da web para a compra de entradas.
